Xuntanza co Conselleiro e o Director Xeral

O pasado luns 28 de setembro a Confederación de ANPAS Galegas mantivo unha xuntanza telemática con Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o Director Xeral.

Aquí vos deixamos o resumo das propostas que se presentaron:

1- MAIOR DOTACIÓN DE PERSOAL
DOCENTE:
• Débense cubrir todos os desdobres solicitados, mesmo en bacharelato; e que o bacharelato semipresencial sexa só unha anécdota en casos extremos de falta de infraestruturas.
• Queremos que se acabe co persoal de orientación compartido. Que se doten os departamentos de orientación, e que se poña nas súas mans á coordinación da atención á saúde emocional do alumnado logo de seis meses de non asistencia ás aulas .
• Igualmente deben coordinar o necesario plan específico de recuperación do alumnado NEAE.
NON DOCENTE:
• Precisamos máis persoal de limpeza que poida atender ás novas necesidades, non é de recibo que o único que fagan os centros sexa pasar horario de limpeza da tarde para a mañá.
• É necesario comezar a traballar na implantación de novas profesionais nos centros educativos: enfermería escolar e educación social como primeiro paso á especialización da atención á comunidade educativa.
• Persoal de atención nos comedores escolares de xestión directa: hai que rematar coa figura das nais, pais e profesorado voluntarias, que non garanten nin a profesionalidade, nin a continuidade desta asistencia.
2- COMEDORES ESCOLARES
A consellaría de educación debería iniciar un proceso de asunción de todos os comedores escolares, establecendo un modelo único para todo o territorio galego; nós participamos do interese demostrado pola consellaría do medio rural -que sorprendentemente acode a nós, no canto de o facer á consellaría titular da competencia en comedores- de que os comedores poden ser un xeito de pór en valor os nosos produtos, e produtores, o noso rural agrario, gandeiro e mariñeiro, e mesmo a nosa cultura alimentaria; e por suposto cremos que os comedores escolares son unha realidade que sobarda con moito a faceta alimenticia, tanto no ámbito social como no sanitario e educativo

3- ACTUACIÓNS ESCOLARES NA PANDEMIA
• En que situación está a adaptación curricular imprescindíbel para este curso ?, importante en todos os cursos, é especialmente imprescindíbel en 1º ESO e o bacharelato. Como se vai incorporar o currículo do terceiro trimestre do curso 2019-2020 ?
• Neste senso é necesario asegurar unhas ABAU adaptadas á realidade vivida, e á que se está a vivir nos centros que están facendo un bacharelato semipresencial, que deberan ser os menos posíbeis.
• Hai que artellar unha solución de atención ao alumnado que non poida asistir a clase por estar en situación de risco acreditada, á parte do que se poida ter traballado para os casos de peche das aulas. E neste alumnado hai que incluír a todas aquelas persoas que convivan con outras en situación de risco, que deben ter dereito a non asistir ás aulas e a dispor da máxima atención posíbel.
• Debe haber un criterio para xestionar a información ás familias, os centros escolares están abrindo as portas sen que as familias estean informadas dos plans de adaptación, mesmo sen telos pasado polos consellos escolares, ou, peor aínda, sen telos sequera rematados. Igualmente hai que incidir na necesidade da información sanitaria permanente.
• A información sobre a atención nos gromos está sendo mal xestionada. A idea que se está a instalar é que cada centro está xestionando como quere os casos que lle acaen. Neste caso é necesario un criterio homoxéneo e explicábel. Dar tranquilidade ás familias afectadas debera ser unha prioridade absoluta; e xa estamos dando por suposto que se está a xestionar correctamente.
• Os centros escolares deben estar axeitadamente dotados para abordar os custos que se derivan da situación sanitaria, e hai que homoxeneizar o criterio de carga dos custos; nós demandamos a absoluta gratuidade de todo o ensino público, e nesta liña tamén dos materiais sanitarios necesarios para a asistencia ás aulas (non é verdade que o alumnado xa tiña que ter máscaras para a súa vida ordinaria; as moitas horas que pasan nunha aula con un gasto especificamente educativo, a súa vida “privada” comeza cando saen das aulas), e rexeitamos especificamente a demanda de xel hidroalcóholico e panos desbotábeis que están a facer moitos centros escolares galegos.

4- ACTUACIÓNS XENÉRICAS de ATENCIÓN PERMANENTE, agudizadas pola Pandemia.
• A consellaría de educación debe ser a maior valedora para un cambio nas estruturas dixitais galegas. É necesario garantir que a fenda dixital está superada, dende todos os puntos de vista:
• Estruturalmente, para que conectividade sexa completo, rápida e segura en todo o territorio galego.
• Economicamente: todo o alumnado galego debe ter asegurado o acceso a un internet de calidade independentemente da súa renda familiar.
• Formativamente: é necesario un esforzo formativo que garanta que todo o profesorado galego, obrigatoriamente, ten formación dixital abonda como para introducila con normalidade no seu traballo cotián; igualmente hai que fornecer ao alumnado desa mesma competencia, e tamén traballar coas familias para que poidan propiciar nos seus fillos e fillas a situación axeitada para este traballo.
• É necesaria unha nova zonificación do territorio galego, que contemple a realidade do rural dende o punto de vista da dotación educativa, pero tamén dende o punto de vista estrutural dun pais que se despoboa sistematicamente pola falta de atractivo económico dese rural, precisamente dun rural que hoxe está reivindicado como lugar saudábel e con grande calidade de vida. É o momento de investir nun espazo secularmente abandonado.
• Esa zonificación debe chegar ás áreas urbanas, que están soportando unha estrutura educativa organizada con criterios previos ao desenvolvemento urbanístico recente.
• É preciso un plan educativo específico para o rural que non teña en conta o rateo e si todos os valores engadidos que supón manter un colexio no rural : o movemento cultural que xira o redor del, a vinculación achegada ás tradicións, costumes, a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico e histórico. Ese plan específico para o rural ten que garantir a igualdade de oportunidades para este alumnado. Os centros do rural teñen tamén unha importante labor para as nenas e nenos que é a socializadora, moito desde alumnado só se relaciona con xente da súa idade no colexio e nas actividades que se organizan o redor del. É precisa unha discriminación positiva si queremos seguir tendo xente nas aldeas.
• Existe un déficit de importancia nas liñas de transporte dispoñíbeis para o alumnado de ensino non obrigatorio; a hai moitos lugares que carecen desa dispoñibilidade. Esta situación víñase xestionando a través do transporte escolar ordinaria, permitindo o acceso ao alumnado de bacharelato ou FP . Pero neste momento, os requirimentos sanitarios fan que esta práctica non sexa posíbel en moitas ocasións. Por iso, demandamos da consellaría de educación que se artellen as medidas abondas para que todo o alumnado galego non universitario teña ao seu dispor un liña de transporte que lle permita asistir ás aulas con normalidade.
• Sería desexábel que a consellaría de educación fornecera á comunidade educativa dun protocolo para actividades extraescolares, que asegurase formalmente a actuación das anpas neste eido.

5- RELACIÓN COA CONSELLARÍA.
Nestes últimos anos, e non por falta de ofrecementos pola nosa parte, a relación coa consellaría de educación volveuse practicamente inexistente; pensamos que esta relación debera estar asegurada con xuntanzas periódicas. Xuntanzas que non teñen porque evitar outras puntuais que poidan ser necesarias.
Cremos tamén que é necesario organizar lugares de traballo conxunto, para que as decisións organizativas da consellaría non adoezan sempre da falta da perspectiva familiar, algo que se puxo moi de manifesto en todo o que ocorreu nos últimos seis meses; tal e como lle dixemos ao Secretario Xeral na xuntanza que tivemos con el hai unhas semanas, que a consellaría fale coas direccións dos centros educativos, ou coa inspección educativa, non significa que estea falando coa comunidade educativa, nin sequera parcialmente; eses dous grupos son parte da propia administración, sen dúbida moi útiles pero non representan nin ás familias nin ao profesorado.

Pero concretamente quixeramos salientar a necesidade que temos de que a consellaría responda cando as familias preguntamos, tal e como fixemos en diferentes ocasións; temos pendente que se nos responda sobre a organización de itinerarios nos centros de secundaria e bacharelato, sobre a competencia para aprobar os plans de convivencia; sobre o alcance e contidos da avaliación continua; sobre a legalidade de que a relixión católica sexa unha escolla obrigatoria en algúns itinerarios ofertados por IES galegos; sobre a responsabilidade e alcance da plataforma EDIXGAL; sobre a duración e posíbel cambio de libros de texto durante a tramitación dunha nova lei educativa; sobre a legalidade da non convocatoria dos consellos escolares municipais…

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website at WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: