A ANPA do Courel dobregou á Consellería de Educación

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS celebramos que a mobilización social promovida pola Anpa do Courel en contra da licitación do novo contrato de transporte escolar no concello do Courel faga reflexionar á Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e paralice o procedemento de licitación destas liñas (e outras) de transporte escolar.

Esa reflexión ten que darse non só polo transporte escolar nesta zona de montaña, debe darse por todo o rural.

Se realmente este goberno apostase polo rural como tantas veces proclamou, ata o punto de que a última lexislatura deu en chamarse “A lexislatura do rural”, sería  un momento marabilloso para que se vira cumprido ese compromiso.

Porque o rural non se defende nin se protexe con palabras nin con publicidade baleira, ten que haber algo máis, é preciso un plan serio para todo o que abrangue , para a educación, para a sanidade, para os servizos sociais, para o emprego…

É imprescindible falar de discriminación positiva e é o momento de falar en serio do rural. Aquí  non hai zona gris; ou queremos un rural vivo ou non. Non vale un que imos deixando morrer. Iso non convén a Galiza.

Agardamos que esa paralización non sexa unha cortiña de fume  para tranquilizar os ánimos  e reabrir o procedemento máis adiante  nas mesmas condicións.

E xa de paso facemos unha suxestión: que tal se a Consellaría iniciara un diálogo permanente sobre o transporte escolar?, porque é un dos maiores problemas na organización escolar galega, e semella que, por máis que o solicitamos, non hai xeito de falar máis que nas rúas e con pancartas; e esa non é a nosa idea de diálogo, e non debera tampouco selo a da Consellaría.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: