Acoso escolar

Estes días está saíndo na prensa un caso de acoso escolar en Arteixo, un máis a sumar a unha lista interminábel que nos avergoña e preocupa por igual.

O acoso escolar é “unha conduta de persecución física e/ou psicolóxica que realiza un alumno ou alumna contra outro, ao que elixe como vítima de varios ataques”. Esa é a definición que o propio protocolo da Xunta de Galicia facilita.  Un protocolo que é, na meirande parte dos casos, papel mollado no noso Ensino Público.

Esta Confederación ven denunciando dende sempre que as condutas de acoso están sendo permitidas pola sociedade en xeral, e moi en particular pola administración educativa e os centros escolares. Pero non é que se permita a conduta de acoso conscientemente, o malo é que están sendo permitidas ao non atendelas inicialmente porque “son cousas de nenos que xa lles pasan cos anos”, porque “ás veces se lles fas caso, esa atención aumenta o problema”, porque “algo faría a pequena ou pequeno para que as outras lle veñan enriba”, ou porque “iniciar a burocracia do protocolo é moi complicado e total isto xa o resolvemos vixiando ben ao neno-a”. E se miramos cara as familias esgrímense outras tantas razóns para banalizar condutas que deberan ser corrixidas e atendidas nunha fase temperá; e probablemente situacións como a de Stefany non chegarían ao triste lugar onde agora se atopa.

As condutas de acoso son cotiáns ?, si que o son; existiron sempre ?, si que existiron; forman logo parte da normalidade da infancia e da adolescencia, ou mesmo da madurez? NON, non son parte inevitábel deses anos, nin de ningún outrosnin son condutas menores ás que cómpre non mirar con demasiada atención. As condutas de acoso son a consecuencia dunha errónea formación social, da falta de respecto xeneralizado polas outras persoas, da incorrecta xestión das emocións, da falta de atención correcta á diversidade, do pouco traballo que se realiza en inclusión, da defensa da competitividade e de que, aínda agora, lamentabelmente, continuamos organizando a sociedade en base a gañadores e perdedores, no canto de a organizar, sobre todo dende os centros escolares, sobre a base da participación conxunta e do beneficio da convivencia.

O acoso escolar ten moitas causas, e hai que resolvelo en moitos ámbitos, no familiar por suposto, cunha necesaria conciencia da formación por parte das nais e pais, para que saibamos interpretar o que lle pasa á nosa filla ou fillo, sexa acosada ou acosadora; pero é imprescindíbel que os centros escolares participen dun xeito máis activo na detección e tratamento dos casos de acoso en canto presentan os primeiros síntomas. É imprescindíbel que se escoite ás crianzas e ás familias e se actúe inmediatamente, que se activen os protocolos máis ben de máis que de menos, que se desbote o absurdo pensamento de que “isto ímolo tratar coma sempre”, porque ese “coma sempre” é o que nos conduciu a non saber tratalo.

Calquera caso de acoso é un fracaso social, de quen o consinte, ou mira para outro lado, de quen o sofre e tamén de quen o provoca, ten vítimas nos dous extremos, e provoca un sufrimento de moi longo alcance na súa vida e na das súas familias. Non é un tema menor e as familias non conseguimos entender porqué non está sendo tratado coa intensidade que merece.

Lamentamos fondamente o que lle está a ocorrer a esta pequena á súa familia, e solidarizámonos rotundamente con elas e con todas as que están a sufrir estas circunstancias. Agardamos que se atope unha solución que non pase polo auto exilio, porque non é ela quen ten que modificar a súa vida, é o centro escolar, é a comunidade educativa quen ten que garantirlle, a ela e ao resto das crianzas implicadas, un final feliz para unha situación que non pode ser máis desgraciada.

Agardemos que a administración non faga o que case sempre fai, tentar escapar da súa responsabilidade coa escusa de “iso ocorre fora do centro” ou “é unha situación privada”, porque todo o que ocorre a unha escolar debe ser un problema de centro escolar, como o é da súa familia, ou de quen a arrodea. Todo o que lle ocorre a unha crianza é responsabilidade colectiva. E non hai límite ao esforzo que hai que realizar para que esta situación non marque a súa vida futura, nin a daquelas que a están acosando agora, nenos e nenas ás que tamén hai que facer caso e atender correctamente, sen limitarse ás medidas punitivas; ninguén acosa sen ter un problema previo, e hai que actuar en consecuencia.

Aprendamos deste caso, e doutros moitos que se están a dar e deixemos de minimizar estas situacións, son o espello que nos indica o que estamos facendo mal, non podemos deixar de miralo.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: