Por un novo mapa escolar en Santiago. Xuntanza co BNG

A FANPA COMPOSTELA leva doce anos, dende a súa creación en 2008, reclamando sistematicamente un novo mapa escolar na cidade de Compostela, que resolva os enormes problemas que se producen ao non ter as zonas de escolarización acompasadas co movemento demográfico da cidade. Se hai 12 anos era necesario, que non será agora co crecemento de varias zonas da cidade.

Pero temos unhas autoridades municipais e autonómicas –que é onde está a competencia final- que permanentemente miran para o lado da chapuza e da improvisación, da solución ocasional e da falta de previsión, e isto agora vén de explotar nas mans de todas cando a Xunta ten a ocorrencia de converter o IES de Lamas nun CIFP sen pensar no conxunto da cidadanía da bisbarra compostelá, sen pensar nas repercusións cidadás, nin na afectación que esa decisión poida ter sobre centos de familias e as vidas das súas crianzas.

Neste momento, esa idea absurda, por improvisada, quedou anulada coa mesma rapidez coa que se lanzou á luz, pero fica enriba da cidade toda a ameaza de que “o alcalde e mailo conselleiro” xa decidirán onde se sitúa ese CIFP que seica a Xunta non renuncia a facer en Compostela.

Quizais sexa tempo de que a cidadanía entenda que non é nin o alcalde nin o conselleiro, nin ámbolos dous á vez, quen teñen que decidir sobre a localización dunha infraestrutura educativa, senón que isto debe ser consecuencia do traballo participado de toda a comunidade educativa –que é toda a cidadanía- e das persoas expertas na organización dese novo Mapa Escolar Compostelán que levamos tantos anos demandando.

A FANPA COMPOSTELA, que agradece á consellaría que dera marcha atrás nunha proposta improvisada sobre o IES Lamas de Abade, e que tamén considera que a construción dun CIFP na cidade é unha boa nova sempre que se faga dun xeito planificado, solicitou  unha rolda de consultas cos partidos con representación no Concello de Compostela,  cos catro partidos representados, contestaron arestora tres deles, e fáltanos a resposta do PSOE, que agardamos.

Primeira xuntanza co grupo do BNG

A primeira xuntanza foi o día 17 de febreiro co BNG, de quen temos que dicir que sempre compartiu connosco a necesidade de revisar o Mapa Escolar, e conxuntamente situamos esta demanda na imprescindíbel e urxentísima convocatoria do Consello Escolar Municipal;  que leva once anos sen se convocar e que debe ser o lugar onde se debata –e non nos despachos da alcaldía ou da consellaría- onde debe situarse calquera nova infraestrutura escolar, e cal debera ser o ámbito de influenza dos centros escolares composteláns. Hoxe e mañá temos previstas xuntanzas con CA e co PP para coñecer o seu parecer sobre esta proposta, das que xa informaremos.

Non podemos nin queremos esquecer que isto non é só un problema local, Compostela é lugar de recepción de moito estudantado da contorna, tanto na ESO como en Bacharelato ou FP, e debemos contar con elas tamén para valorar con máis datos o que aquí se deba facer para o ben de todas.

Pensar e planificar si que é traballar para o futuro, o resto é afondar na chapuza na que vivimos.

Fernando Lacaci

Presidente da FANPA COMPOSTELA

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: