Por un novo mapa escolar en Santiago. Xuntanza co Partido Popular

Onte reunímonos co grupo Popular do concello de Compostela, o último co que contamos falar para defender novamente a imprescindíbel convocatoria dun Consello Escolar Municipal onde se fale con urxencia da necesidade de termos un Mapa Escolar actualizado, moderno, planificador da cidade, e acompasado coas necesidades de mobilidade e de crecemento compostelán.

O Partido Popular afirma ter unha postura racional e leal coa cidade, pero séntese tamén obrigado a atender á postura que se fixe pola Xunta de Galiza. Aínda así, concorda con nós na conveniencia do debate, na necesidade de repensar -organizativamente- unha cidade que leva décadas sen ter actualizados os instrumentos de planificación que demandamos, e que xa suma once anos sen convocar ese Consello Escolar Municipal que nós sempre demandamos, e que agora semella que por fin entra no calendario de todos os grupos que non gobernan a cidade.

Nós tentamos deixar moi claro que, aínda que o problema conxuntural do IES de Lamas está, por sorte, resolto polo momento, iso non é un motivo de confianza, senón que debe ser unha razón de traballo; porque o que se evidenciou coa proposta de converter o IES de Lamas nun CIFP é que a cidade non está planificada e que a política educativa da Xunta de Galiza é tan errática como cabe supor en alguén que toma decisións e as desminte no prazo de días.

Agradecemos ao PP compostelán a súa disposición a colaborar en que se active un marco de traballo no que se posibilite a participación da cidadanía, o Consello Escolar Municipal. O que de aí poida saír debera ser froito do estudo serio e responsábel da cidade, as súas posibilidades e comenencias, e da participación de todas as partes interesadas, e iso sempre será positivo.

Fernando Lacaci

Presidente da FANPA COMPOSTELA

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: