Para cando un servizo de comedor escolar para o CEIP dos Tilos?

ANPA Cobas-Os Tilos continúa na loita para conseguir un servizo de comedor para o alumnado de Os Tilos.

Un curso complexo sen un servizo esencial

Desde agosto de 2020, a ANPA tivo que delegar este servizo na administración por mor da pandemia. Desde entón está realizando as xestións pertinentes para conseguir que a Xunta de Galicia se faga cargo deste necesario servizo para a comunidade educativa (ao igual que é a Xunta quen xestiona os comedores escolares dos centros de Calo e A Ramallosa, tamén do Concello de Teo). Mais por parte da Consellería de Educación non se obtivo máis ca unha negativa indicando mediante chamada teléfonica á ANPA que “non están obrigados a asumilo porque é un servizo complementario que dan ós colexios e non obrigatorio.”

Son moitos os menores de idade que teñen que agardar sen comer ata as 15.30 h ata que os poidan recoller no colexio. As familias síntense totalmente abandonadas, desprotexidas, sen apoio e tratadas cunha absoluta deixadez por parte da Consellería de Educación, que polo momento non deu ningunha resposta formal nin solución a este grave problema.

Non se pode entender que nos tempos que estamos a vivir os nenos e nenas deste colexio sigan sen contar cun servizo ESENCIAL como é dispor de comedor escolar.

Carta da Federación de ANPAS Compostela ao Secretario Xeral de Educación

O pasado 19 de febreiro, transmitimos desde a Federación de ANPAS “Compostela” a nosa preocupación por este asunto, sen obter resposta algunha:

Prezado secretario xeral

Chega ao noso coñecemento que unha das nosas asociadas, a ANPA COBAS DO CEIP OS TILOS de Teo, estase atopando nunha situación absolutamente irregular en canto á xestión do seu comedor escolar.

Esta asociación, que xestionaba o comedor dese CEIP até o curso 2019-2020 decidiu ceder esa xestión á Xunta de Galicia para os cursos vindeiros, para o que se tramitou a documentación que a propia Xunta solicitou, realizáronse, nos prazos que a pandemia permitiu, as asembleas correspondentes, e ficaron na agarda de que a Xunta comezara a facerse cargo da súa responsabilidade na dotación do servizo complementar de comedores escolares no CEIP os Tilos.

A consellaría de educación, que non responde formalmente en ningún momento, si respondeu telefonicamente, por chamado da ANPA, de que non é a súa intención asumir ese servizo, logo de reclamar e recibir toda a documentación que solicitou, e que deriva esa xestión ao concello de Teo durante dous cursos, até o curso 2021-2022 incluído.

Obvio neste escrito todos os pasos intermedios que a ANPA dos Tilos foi dando coas autoridades municipais, as chamadas telefónicas ao responsábel do servizo de comedores escolares, e a inseguridade que se vai instalando sobre un servizo esencial na comunidade educativa; porque é de supor que é de coñecemento desa secretaría xeral, de quen depende o servizo de comedores escolares; pero se non fose así estariamos encantadas de termos unha xuntanza onde explicariamos polo miúdo o despropósito no que estamos vivindo.

A última información que tivemos é un escrito asinado por esa secretaría, dirixido ao concello de Teo, na que se explica que o servizo de comedor escolar non é un servizo obrigatorio e que, en todo caso, a Xunta unilateralmente considera a ese concello como o interlocutor axeitado, “se ten esa vontade”, para prestar o servizo de comedor en beneficio da comunidade escolar do CEIP Os Tilos.

Ao que nós dicimos:

  • Dende cando a Xunta de Galicia só presta o servizo de comedores escolares en centros rurais nos que está obrigada estritamente?
  • Non é así que no propio Concello de Teo, nos outros dous centros escolares de primaria que alí están situados, é a propia Xunta quen presta dun xeito directo o servizo de comedor escolar.
  • A comunidade educativa do CEIP Os Tilos de Teo votou masivamente a favor da cesión do servizo de comedores escolares á Xunta de Galicia, seguindo exactamente as instrucións que lle foron ditadas polo servizo de comedores escolares da consellaría de educación. Entón, a que ven agora esta desatención á anpa e ás familias deste centro escolar, que estamos dispostas a reclamar publicamente?

Polo tanto, entendemos que aquí existe algún malentendido que debe resolver, e que debe rematar pola asunción da Xunta de Galicia do servicio de comedor escolar no CEIP Os Tilos de Teo como mínimo para o próximo curso 2021-2020, ou antes se for posíbel, para garantir o normal funcionamento deste centro escolar con todos os servizos que tivo nos últimos anos.

Fernando Lacaci
Presidente da FANPA COMPOSTELA

Comeza marzo e continúa a loita

A semana pasada, a ANPA Cobas Os Tilos abriu unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org co ánimo de dar a coñecer a situación de deixadez por parte da administración, co ánimo de xerar presión e obter solucións que de non chegar a tempo para este curso, alomenos sirvan para o vindeiro. Mañá mércores 3 de marzo, esta problemática levarase ao pleno municipal e poderase seguir en directo en Youtube.

Ademáis, fixeron público un escrito resumindo cada etapa desta penosa situación que se pode consultar aquí.

Desde FANPA Compostela unímonos á loita das familias do CEIP Os Tilos, axudando a dar visibilidade a esta situación e a movilizar á comunidade educativa para a Xunta de Galicia asuma a xestión do comedor. Porque un colexio sen este servizo é un colexio sen posibilidades para as familias.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: