3º Concurso Fotografías pola Igualdade

Hoxe comeza o prazo para participar na terceira edición do Concurso Fotografías pola Igualdade.

  • O prazo de admisión de fotografías rematará o 30 de abril, ás 24.00 h.
  • Enviade as fotografías ao correo electrónico anpascompostela@gmail.com

CONVOCATORIA E PARTICIPACIÓN

  1. A Federación Galega de ANPAs Compostela convoca o III Concurso de Fotografía co obxectivo de que o alumnado ou as familias dos centros de infantil, primaria, secundaria e bacharelato plasmen nunha fotografía como ven a igualdade  en calquera ámbito da vida e promover a reflexión.
  2. As imaxes irán acompañadas dun título e un pequeno texto explicativo do que representa.
  3. Cada participante presentará un máximo DUNHA fotografía.
  4. As fotografías deben ser orixinais e inéditas e non poden ter sido premiadas en concursos anteriores nin publicadas en ningún tipo de soporte.
  5. A Federación Galega de ANPAs Compostela resérvase o dereito a eliminar do concurso aquelas fotografías que induzan, inclúan ou teñan relación directa ou indirecta con calquera tipo de violencia ou que fagan publicidade de calquera tipo de marca ou negocio.
  6. A falta de veracidade, a incorrección nos datos proporcionados polas persoas participantes, a falta de autoría ou orixinalidade, a xuízo do xurado, permitirán a Federación Galega de ANPAS Compostela a súa exclusión do concurso.
  7. As fotografías pasarán a ser propiedade da Federación Galega de ANPAs Compostela, que adquirirá o dereito pleno á súa utilización.

REQUISITOS PARA PARTICIPAR

  1. Poderá participar calquera alumna ou alumno dos colexios e institutos públicos. Na categoría de “Familias” poderá participar calquera nai, pai, titor e titora legal de alumnado de Ensino Público.
  2. Enviar obrigatoriamente (en caso contrario quedarán excluídas)  a fotografía participante en formato TIF, PNG ou JPEG de máxima calidade, cun tamaño máximo de 10 MB ao enderezo electrónico: anpascompostela@gmail.com  indicando os seguintes datos:
  • Asunto: CONCURSO FOTOGRÁFICO POLA IGUALDADE – FANPA COMPOSTELA 2021
  • Nome e apelidos (tanto do pai/nai/titor/titora legal e do neno ou nena en caso de Infantil e Primaria).
  • Nivel que está a cursar a crianza no curso 2020-2021, e centro escolar ao que pertence.
  • Título e breve texto explicativo da imaxe.
  • Enderezo electrónico e teléfono de contacto (do pai/nai/titor/titora legal no caso de Infantil e Primaria).
  • Enviará a foto que concurse como documento adxunto.

PRAZOS DE PARTICIPACIÓN

O prazo de admisión de fotografías rematará ás 24.00 h. do día 30 de abril de 2021.

SELECCIÓN

Como queira que o concurso leva acompañada a exposición e difusión do material que participe, haberá unha primeira selección, dun máximo de dez fotografías por categoría, para facilitar esas actividades accesorias.

PREMIOS

Haberá catro categorías: INFANTIL-PRIMARIA, SECUNDARIA, BACHARELATO e FAMILIAS, e ofreceranse os seguintes premios:

Nas categorías de INFANTIL-PRIMARIA, SECUNDARIA E BACHARELATO:

  • 1º Premio – Diploma, impresión da foto, e cheque agasallo de material escolar de 100 euros.
  • 2º Premio – Diploma, impresión da foto,  e cheque agasallo de material escolar de 75 euros .
  • 3º Premio – Diploma, impresión da foto,  e cheque agasallo de material escolar de 50 euros.

Na categoría de FAMILIAS poderán participar nais, pais, titores e titoras legais de alumnado de Ensino Público que así o desexen. Neste caso os premios non terán dotación económica, e entregaráselle soamente un Diploma e a copia impresa da súa fotografía.

As fotos seleccionadas dende a nº 4 ata a nº 10 en cadansúa categoría evarán como agasallo, xunto co Diploma de participación na fase finalista, a impresión tamaño A4 da foto concursante e un libro adaptado á idade da persoa participante.

Todas as impresións faranse en cartón-pluma, para facilitar a súa exposición.

XURADO

O xurado estará composto por profesionais do mundo da fotografía, deseño, igualdade, docentes, … que escollerá a Directiva e a Comisión de Igualdade da Federación de ANPAS.  A resolución do concurso darase a coñecer directamente a todas as persoas participantes, nomeadamente a quen acade os premios, e informarase ás ANPAS federadas para que lle dean publicidade nos taboleiros dos seus centros  uns días antes da entrega dos mesmos

INCOMPATIBILIDADES

As persoas que formen parte do xurado, ou da Directiva da FANPA COMPOSTELA, así como as súas fillas e fillos poderán participar neste concurso, pero se resultasen gañadoras dalgún dos tres primeiros premios, non poderán percibir o seu importe económico.

ACTIVIDADES POSTERIORES

A partir do mes de xuño do ano 2021 realizarase un acto de entrega de premios, se é posíbel, e ata a finalización do prazo de presentación da seguinte edición do Concurso, coas fotos seleccionadas faranse exposicións naqueles centros educativos nos que así o soliciten as súas anpas federadas.

Igualmente, as fotos seleccionadas incorporaranse á páxina web que a FANPA COMPOSTELA ten dedicada a este concurso.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: