Non nos merecemos este concelleiro: non hai campamentos de Semana Santa

Este nadal pasado case non houbo oferta municipal para atender ás nenas e nenos composteláns nos días non lectivos, e a pouca que houbo veu da demanda que esta Federación fixo, dun xeito moi rotundo, ao novo concelleiro de educación. Iso si, xa se ocupou o departamento de sacar tarde e mal a convocatoria, e a uns prezos imposíbeis para o cidadán medio por outra parte, para que non houbera tempo a ter solicitudes, e con esa falta de demanda provocada por eles mesmos xustifica agora que en semana santa o concello se vai lavar as mans, porque “as familias non teñen necesidade de conciliación en pandemia”, segundo di o mesmo inexperto concelleiro en rolda de prensa, botándolle un valor ás súas declaracións que debera empregar en xestionar doutro xeito o seu departamento.

As familias compostelás, como todas as familias galegas, vense constantemente no problema de como xestionar os períodos non lectivos, e acoden, sistematicamente á oferta privada, cara, incompleta e pouco adaptada á contorna das nenas e nenos, pola simple razón de que a administración municipal non sabe, non quere, ou non é quen a elaborar un programa completo, diversificado e claramente publicado a principio de cada curso, que introduza na vida ordinaria das familias o elemento de seguranza e estabilidade que levamos anos reclamando, tamén a este concelleiro tan lingoreteiro.

O departamento que dirixe Ruben Prol leva toda a súa existencia rexeitando facer o único traballo que lle cómpre, atender ás nenas e nenos cando non hai clases, porque cando as hai xa están atendidas, e iso inclúe tanto os días non lectivos como as tardes, ou os servizos complementares que o Concello ten asumido. Porque é certo que as competencias nos centros escolares son as de mantemento. Pero as competencias para a educación e colaboración coa cidadanía tenas todas, se quixer exercelas.

Pois xa vai sendo hora de que se poñan a traballar no importante, e non precisamente en programas de divertimento ocasional para familias que non teñen nada mellor que facer nin ningunha necesidade que cubrir. É posíbel que o señor concelleiro non teña problemas e xulgue que ninguén os ten, pero as familias compostelás non nos merecemos ese tipo de declaracións nin un departamento de educación xestionado deste xeito.

Fernando Lacaci

Presidente da FANPA COMPOSTELA

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: