Solicitude de reunión ao Conselleiro pola reforma do calendario escolar

Prezado Conselleiro:
As familias galegas informámonos pola prensa da intención desa consellaría de mudar o calendario escolar para o vindeiro curso 2021-2022; e ficamos sorprendidas de que nunha ferramenta que de sempre se limitou a mínimos cambios nas datas de comezo e finalización dos períodos lectivos ordinarios, se pretenda introducir un cambio de grandísimo calado, a supresión da convocatoria de setembro na ESO e 1º de Bacharelato, e 1º de FP Básica.
No mesmo momento no que nos decatamos solicitamos unha reunión urxente co Secretario Xeral de Educación, cinco días máis tarde reiteramos a mesma petición, esta vez tamén a través da prensa, co que conseguimos que efectivamente nos recibira. Pero sen a menor intención de diálogo, nin de debate, fomos convocadas a unha reunión informativa de feitos consumados, e na que se nos pediu un “voto de confianza” a unha decisión da que non se deron explicacións, nin sabemos como se fraguou e con que intencións.
As familias galegas non estamos de acordo, en absoluto estamos de acordo. Nin no que se pretende facer, nin moito menos no xeito de facelo, tentando pactalo cun órgano que non é o axeitado para este cambio, e perdendo de escoitar ás familias, ao propio alumnado, e á comunidade pedagóxica, que algo terá que falar dun cambio que atinxe a toda a sociedade educativa.
Como non estamos de acordo, estamos dispostas a demostralo nas rúas e nas escolas, nos centros educativos e entre as familias, alí onde faga falta e dende os próximos días. Este non é un cambio menor nin sen importancia, modifica rotundamente o status quo no Ensino obrigatorio, e debe ser amplamente debatido nos foros axeitados.
Para nós o peor dos escenarios sempre é a confrontación, nin a queremos nin a promovemos nunca, os avances nacen sempre do diálogo e por iso solicitámosche que, no que ten que ver coa supresión da convocatoria de setembro para a ESO, 1º BAC e 1º FP Básica:

  • Comecemos de novo no debate e negociación dun novo calendario escolar.
  • Se dea por non feito nin falado o que ata o de agora se fixo fóra da nosa participación.
    E, por suposto, reclamámosche unha reunión urxente coas representantes das familias galegas do Ensino Público, canto antes, para falar persoalmente deste importante problema creado pola propia consellaría que dirixes.
    Un saúdo.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: