As familias compostelás despídense do programa municipal de conciliación de verán

Unha vez máis a Federación de ANPAS Compostela e as familias decatámonos pola prensa de que o responsable do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Rubén Prol, considera que vai haber unha escasa demanda por parte das familias para o Programa de conciliación de verán e será suficiente con que este se realice no centro de Don Bosco.

Considerando a situación que tivemos o curso pasado, se a FANPA Compostela ou mesmo un centro privado como Don Bosco foron quen de organizar campamentos de verán, non se entende como o Concello de Santiago de Compostela a través do Departamento de Educación, non é capaz de organizar ningunha activade de conciliación en todo o ano.

Tanto as familias como a FANPA Compostela solicitamos:

  • Coñecer as razóns e os fundamentos legais  que levan ao concelleiro de educación a considerar reforzar unha oferta privada de campamentos de verán como é Don Bosco; no canto de destinar o orzamento público a organizar unha oferta pública para a cidadanía de Compostela.
  • Datos concretos desa escasa demanda á que o concelleiro fai referencia constante,  que non se corresponde coa información que a Federación recibe das familias , a través de todas as ANPAS deste Concello, que precisan deste servizo e reclaman permanente a súa posta en marcha.
  • Que o Departamento de Educación faga o seu traballo e organice os campamentos de verán, en condicións de oportunidade e prezo alcanzábeis pola cidadanía, tal e como fan a meirande parte dos concellos galegos, nomeadamente os da inmediata contorna compostelá.
  • Que o Alcalde valore a conveniencia de manter no seu posto a un concelleiro que non é quen, ou non quere, desenvolver correctamente o seu traballo e busque outra persoa que si o poida facer.

En definitiva: para que queremos as familias composteláns manter cos nosos impostos un departamento que non dá resposta ás nosas demandas, nin atende aos nosos problemas?, para apoiarnos en solucións privadas abondamos nós mesmas, e para procurar solucións públicas defenderemos outros modelos de xestión, que o exemplo témolo ben preto.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: