Programa de conciliación de verán: cara onde vai a política educativa deste goberno municipal?

Como xa é costume, hai uns días a Federación de ANPAS Compostela decatouse polos medios de comunicación que a concellería de educación non tiña intención de por en marcha o programa de conciliación nos centros escolares. Pola contra, aos catro ventos o concelleiro loou o programa de actividades dos CSC e das escolas infantís, que se organizan un ano máis, vendéndoas como estupendo substituto daquel.

O pasado venres -7 de maio- a directiva da Federación de ANPAS Compostela reuniuse co Concelleiro de educación a petición deste para escoitar as inxustificadas razóns que levan ao seu departamento a non organizar este programa. Escusas de mal pagador que non se poden aceptar: nin a oferta dos CSC e das escolas infantís poden suplilo, nin a pandemia é xa un imprevisto, nin a complexidade da licitación e xestión dos servizos municipais ou a falta de persoal pode ser un obstáculo para non levar a cabo as políticas públicas que lle corresponden.

As actividades mencionadas non son nin substitúen ao programa de conciliación de verán, un programa desenvolto no propio contexto escolar dos/as menores, con obxectivos non só de ocio senón premeditadamente educativos, dirixido a toda a franxa de idade, con distintos espazos que posibilitan facer actividades moi diversas acordes co momento do ano, a duración da xornada, a heteroxeneidade do grupos… un programa que pode contar con servizo de comedor,  e sobre todo un programa que ten que ser universal como todos os servizos públicos, no que teñan cabida todas e todos os menores do concello que o precisen, accesible para todas, pola súa localización e polo seu custo, e onde non se deixan as cousas en mans do azar e menos as que atinxen aos nosos fillos e fillas.

A Federación de ANPAS Compostela non puido senón manifestar con rotundidade o total desacordo con esta decisión, un claro paso atrás nos curtos avances que se teñen dado nos servizos socio educativos municipais e reclamar ao concelleiro que desenvolva as competencias do seu departamento. A promesa dunha licitación deste servizo por varios anos, non diminúe a gravidade da decisión, nin soluciona os problemas cos que se atoparán este verán as familias compostelás.

Desde a Federación de ANPAS Compostela preguntámonos ata que punto este goberno aposta pola educación pública en toda a extensión da expresión, e, consecuentemente polo seu departamento, ou sinxelamente irá deixando morrer os exiguos programas e servizos educativos cos que conta a capital galega porque ten outros intereses.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: