Día das Letras Galegas 2021

Abro, con tenrura, un libro de Xela Arias, ao chou, ao que cadre, e leo:

devala a lúa

polo incenso

dos meus sentidos

devala o tempo

e os espaciados

deválome

achego así

o bico do todo

E logo pregúntome, coma tantas veces nestes anos, entre tantas lecturas non tan fermosas, mesmo cando a palabra tan só pretende transmitir coñecemento, datos, información. Pregúntome sempre: e logo que cousa é a que non se pode dicir en galego? , en que nos falla a nosa Lingua para non estarmos de seguido no seu uso?, que dan de máis outras que algunhas nomean como mellores que non o dea xa a nosa?

Leo a Xela, con respecto e con agarimo, coma antes lin outras poetas, outras narradoras, outras contadoras de historias e de sensacións, e decátome da beleza da palabra, de como encerra a expresión exacta, o dicir preciso, o cantar belido, e dubido de novo, e logo que máis precisamos ?, se xa sabemos transmitir a beleza, que outro uso máis grande pode ter un idioma?. Que máis podemos pedirlle ao Noso ?

Leo, escribo, vivo, río e choro en galego. Cando calo tamén calo en galego; cando soño, cando penso, cando manteño conversas coas que non están. E cando pregunto, comercio ou administro, cando rifo e cando acompaño. Todo iso, e todo o que queirades maxinar fágoo en galego. E logo, por que non había facelo?, abóndame, explícame, compréndeme dentro del. Para que había procurar fóra o que xa teño ?

O 17 deste mes de maio, do mes dos meses e da luz das luces, do mes no que abren as flores e veñen os froitos, cando os mercados enchen de cores as súas verduras e cando comezamos a dar por feito que chega o verán, a troula e a ledicia da vida nova; ese día e este mes estamos de festa só nós, as galegas.

Ese día celebramos que temos un idioma de noso, diferente, particular e propio, unha lingua que só nós entendemos e só nós dominamos. Unha Lingua que só a nós explica, e só a nós define, que contén quen somos, quen fomos e quen seremos; que é na única na que poderemos ter unha conexión íntima e completa con outras galegas e galegos, porque está pensada e definida para nós, para explicar este País, como o vivimos e como nos fai vivilo.

Hai quen di que a Lingua só é un vehículo de comunicación, e que calquera serve para iso se dominamos os seus trazos básicos. E non deixa de ser algo certo, serve para iso sen dúbida. Mais a Lingua, a de cada quen, o Galego para nós, é tamén unha ferramenta de expresión, é a codificación da transmisión temporal de cada lugar e das súas xentes; é a autoestrada na que viaxamos dende outrora até hoxe, mesmo até un mañá inacabábel. É a permanencia e a esencia, o que sempre está e o que flúe.

En ANPAS GALEGAS defendemos que a infancia e a xuventude gocen da riqueza de termos unha lingua de Noso, un idioma que nos significa e nos arrola. E invitámosvos a loitar para que non haxa ningunha galega, ningún galego, que descoñeza o seu propio berce, ou que desperdicie a inmensa fortuna que nos deron e que nós temos que dar: esta fermosísima Lingua, neste marabilloso País.

Feliz 17 de maio a todas as galegas e galegos. Lembremos o que festexamos, é grande de máis como para esquecelo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: