Conclusión da mesa “o periodo de adaptación en educación infantil”

Relatoras presentes na mesa de expertas do 27 de maio de 2021:

  • Lois Ferradás Blanco. Mestre, pedagogo e formador de mestras e mestres de educación infantil. Participou activamente no programa “Preescolar na casa” e foi asesor das Galescolas.
  • Teresa Sánchez Castaño, Profesora do Departamento de Psicoloxía evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Formadora de mestras e mestres de educación Infantil.
  • Javier Francisco Rouco Ferreiro. Profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña e mestre de educación infantil no CEIP Rosalía de Castro de A Coruña. Especialista en Filosofía para nenos e nenas.
  • Maiuca Cortón Tesouro. Mestra de Educación Infantil. Directora do CEIP Plurilingüe de Outes, colabora  co Centro Autonómico de Formación e Innovación.

DO ALÍ FALADO EXTRAEMOS AS SEGUINTES CONCLUSIÓNS:

Necesidade do periodo de adaptación

O período de adaptación  cobra todo o seu sentido  nun ensino que  ten aos cativos e cativas como centro do seu interese, e do proceso educativo; nun modelo de escola acolledora, que parte do bo trato á infancia, do seu coidado e benestar afectivo e emocional por riba doutras dimensións ou circunstancias.

 A chegada ao segundo ciclo de educación infantil é para moitos/as cativos a primeira separación da contorna familiar, dos adultos de referencia cos que se sinte querido, e seguro, dos que debe aprender a separase. Aínda que a crianza xa estivera antes nunha escola infantil, ou noutros contextos institucionais, sempre supón a chegada a un novo lugar, o contacto con persoas estrañas, novas relacións, pautas, tempos e normas. Hai que entendelo, polo tanto, como un tempo imprescindible para a transición harmónica entre os dous principais contextos de socialización e educación na vida do/a menor: a familia e a escola.

É un proceso de acompañamento para xerar novos vínculos afectivos e de seguridade. Supón  o tempo que require unha crianza  para establecer relacións de apego co seu novo referente adulto, a mestra, de coñecer e sentirse segura nun novo ambiente e con novas e novos compañeiros, con pautas, tempos e elementos novos, un tempo para aprender novos códigos e formas de estar.  É, en síntese, o proceso que precisa  cada crianza para poder camiñar con confianza no lugar no que esperamos pase os vindeiros anos, medre, aprenda e se desenvolva afectiva, social, e intelectualmente.

O proceso de adaptación depende das circunstancias de cada neno/a, do seu temperamento,  da súa madurez, do apego á familia, da práctica de crianza do seu núcleo familiar… pero tamén das circunstancias da escola: do seu modelo educativo, o número de nenos e nenas da aula, o profesorado implicado, a flexibilidade real deste período,  e tamén do papel que teña a familia neste proceso. Procesos adecuados de adaptación traen en xeral mellores experiencias educativas posteriores, máis satisfacción e aprendizaxe na escola.

A necesaria participación da familia

O período de adaptación debe ser a primeira oportunidade de colaboración e participación da familia coa escola. É un tempo privilexiado de relación, que permite intercambiar información, confiar, comprender… un tempo que debe planificarse con antelación, sen que isto supoña convertelo en  inflexible.

A adaptación non é só da nena ou neno á escola e da escola ao neno/a,  tamén é a porta de entrada da familia; é tempo para xerar con ela confianza, respecto mutuo e colaboración, coa mestra, co profesorado de infantil e co centro escolar.

A implicación das familias no período de adaptación debe darse en distintos momentos e niveis:

Antes do seu inicio:  informar e explicar o seu significado, para que as familias poidan valorar a súa importancia,  e coñecer con antelación o modo de organización na súa escola para planificar a súa axeitada coparticipación.

Durante o propio proceso sendo informadas, e consultadas, intercambiando valoracións,  reflexións, resolvendo dubidas.. para propiciar a mellor  transición da crianza entre ambos espazos.

Pero a familia deber tamén participar activamente neste procesocon tempos e momentos para acompañar ao seu cativo/a na aula,  dun xeito planificado e organizado; saber que a súa familia confía nese novo lugar, na súa mestra e nos seus compañeiros/as favorece o axeitado proceso de desapego-apego e de adaptación á escola.

 A aula como espazo de encontro  debe ser tamén o primeiro exemplo dunha escola acolledora do menor/a e da familia, unha escola aberta que entende a educación como un proxecto compartido no que ambas institucións reman xuntas seguindo un único compás.

A falsa elección, cambiando o punto de mira

Outorgarlles as familias a capacidade para escoller se as súas crianzas fan ou non o proceso de adaptación, ou permitirlles escoller a súa duración, é tan perverso como deixar ese período ao criterio ríxido de días e horas específicas, sen atender ás peculiaridades de cada crianza.

Que o período de adaptación ten que existir non semella entrar en dúbida. Que debe ser aberto á individualidade da crianza tampouco, e que a familia debe estar presente nas distintas fases do proceso é unha reclamación conxunta de todas as partes implicadas. Que falla entón, e por que se produce o debate ?

Como tantos outros, este debate de coidado vese perversamente contaminado pola concepción da conciliación entre a vida laboral e familiar. Conciliar non é ocupar á crianza para que nais e pais dispoñan de tempo laboral, conciliar debera ser liberar a nais e pais durante os tempos necesarios para acompañar ás súas fillas e fillos nos procesos -como o de adaptación- imprescindíbeis para o seu desenvolvemento persoal.

A consellaría de educación está entregando ás familias un agasallo envelenado, unha falsa liberdade que xera desigualdades de inicio, ao favorecer que as crianzas de familias con máis dispoñibilidade temporal teñan un período de adaptación activo e máis enriquecedor que aquelas que non teñen ese tempo; pero tamén porque furta o debate social do problema real da sociedade: a obriga dos poderes públicos de garantir que nais e pais poidamos ser axentes activos na crianza e educación das nosas fillas e fillos, mesmo dentro da escola.

Que o período de adaptación é necesario é unha evidencia, que debe organizarse exclusivamente para a conveniencia de cada crianza concreta é unha obviedade. Por iso nin pode quedar ao arbitrio da conveniencia organizativa dos centros escolares, nin á do interese laboral das familias. Aquí deben participar as persoas, deben xuntarse cada docente con cada familia e decidir entrambos que é o que precisa a nena-o e como podemos traballar á vez para conseguilo. As docentes achegarán a súa experiencia e coñecementos, as familias a especial relación que temos coas nosas fillas e fillos. 

E a consellaría?, pois a consellaría que garanta os permisos laborais necesarios, e se non son da súa competencia que inste ao seu goberno para que os organice, esa debera ser a súa función.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: