Convenio coa Fundación Alcohol y Sociedad

Prezado Conselleiro de Cultura, educación e universidades,

Hai agora un mes apareceu na páxina da consellaría a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Fundación Alcohol y Sociedad para “a prevención do consumo de alcohol entre o alumnado de secundaria” da nosa Comunidade.

É de supoñer que esa consellaría é coñecedora de que a citada Fundación está financiada pola Federación Española de Bebidas Espirituosas, e que o seu padroado está formado por diferentes empresas do sector das bebidas alcohólicas, como Bacardi España, Diageo España ou PernodRicard por poñer algúns casos. Estes datos non están ocultas, non hai máis que consultar a páxina web da Fundación para coñecelos, non son ruxe-ruxes nin imaxinacións.

Ou sexa, a consellaría de educación pretende que a formación sobre o consumo do alcohol para a xuventude galega sexa controlada por empresas dedicadas á produción, distribución e comercialización de bebidas alcohólicas.  O mínimo que podemos dicir é que é sorprendente, e o máximo é que é absolutamente lamentábel.

En Galicia temos xa unha rede de profesionais, técnicos das administracións locais, que traballan en colaboración co Servizo de prevención de condutas aditivas da Consellaría de Sanidade, dentro da SX de programas de fomento de estilos de vida saudábeis, que levan anos desenvolvendo os programas do catálogo da carteira de servizos en materia de prevención da xunta de Galicia.

Pero é que ademais tamén dentro do sistema universitario galego, concretamente na USC, temos un nutrido grupo de profesionais que levan décadas traballando, e sendo recoñecidos internacionalmente polo seu traballo, na prevención de adicións en xeral,  e do alcoholismo en particular, entre a adolescencia e a xuventude. Profesionais que están de seguido colaborando coas técnicas ás que faciamos referencia no parágrafo anterior; quen adoitan realizar accións educativas nos centros escolares, en colaboración coas Federacións de ANPA, e coas direccións dos centros, actuando coa proximidade e o coñecemento da realidade que teñen en cada concello.

É de supoñer que a consellaría de educación coñecerá de que estamos a falar, pero se así non fose ofrecémonos no seu nome, porque así nolo dixeron, a mediar no contacto necesario para elaborar un plan de formación sobre o alcohol na adolescencia.

Un plan que é imprescindíbel nos termos correctos, porque o que acaba de  facer esa consellaría ao asinar un convenio con esa fundación de produtores de alcohol e pretender permitirlles a entrada nos centros escolares, é unha sonada equivocación que pode tirar por terra parte do traballo serio, formal, intelectualmente salientábel, e absolutamente altruísta, que están a facer unha morea de profesionais galegas de ben; traballo que debera ser respectado e utilizado por esa consellaría para avanzar realmente na prevención de condutas de gran impacto negativo para a saúde da xuventude e da sociedade en xeral.

Con esta comunicación queremos expresar o rexeitamento xeral das familias galegas a este convenio e a esta colaboración, e así llelo faremos chegar tamén ás direccións dos centros escolares galegos, para que non utilicen ese recurso manchado que acaban de poñer ao seu dispor.

Pretender que quen ten intereses económicos vaia traballar en contra deles, é unha demostración de inxenuidade ou de ignorancia, escolla vostede cal das dúas opcións lle resulta máis acaída.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: