Resposta da DX sobre a pregunta da compra de material polos docentes

Desde a Confederación de ANPAS Galegas fixemos unha consulta sobre a compra de material escolar por parte dos docentes.

Prezado Secretario Xeral,

Hai moito tempo que vimos observando unha práctica nos centros de ensino que cremos conveniente denunciar a esa Secretaría, máis concretamente á subdirección xeral de inspección: a compra colectiva de material educativo por parte dalgúns-has docentes.

Esta práctica consiste na imposición dunha cota que abonan as familias, nunha contía moi variable pero que se pode fixar entre 30 e 60 euros. Esa cota será logo utilizada polo-a docente para a compra de material colectivo para cadansúa aula, de tal xeito que as familias, ao dicir do persoal que utiliza esa práctica, “despreocúpanse” de aí en diante das necesidades de material das súas fillas e fillos.

Hai varias cuestións a considerar neste asunto que quixeramos expoñer:

– O profesorado non ten entre as súas funcións a de organizar unha compra cooperativa do material escolar; dende logo as ANPA non o facemos porque entrariamos directamente dentro dunha actividade empresarial, e dubidamos fondamente de que o profesorado teña efectivamente esa competencia.

– Eses fondos deberan, e nunca o fan, formar parte en todo caso da contabilidade do centro educativo, porque o contrario é directamente xestionar diñeiro opaco -negro na linguaxe común- dun xeito que dificilmente pode ser consentido pola intervención da consellaría.

– Enlazando co anterior, ao non ser un gasto formal tampouco hai control nin constancia de todo o que se merca con eses cartos, que non sempre é material funxíbel, e que debera quedar no centro correctamente inventariado, o que non ocorre, o que contribúe ao mal uso deses fondos, e ao malgasto do diñeiro das familias.

– Esas prácticas conducen inevitabelmente á discriminación das familias ao forzalas a unha disposición de fondos que quizais non teñan nese momento, ou -aínda peor- a ter que lle dar a un docente unha explicación das propias circunstancias económicas privadas, que en ningún caso son da súa competencia nin deben ser do seu coñecemento.

– Estase furtando ao Consello Escolar do centro, e á súa comisión económica, a xestión e resultados desta práctica, ao non figurar na contabilidade ordinaria do centro; polo que se descoñece se existen déficits ou superávits e cal pode ser o seu destino, ou a súa cobertura.

Nós non dubidamos da honestidade do persoal docente, nin da súa mellor intención á hora de xestionar fondos públicos; o que dubidamos é da súa idoneidade á hora de xestionar fondos privados. E dende logo si cuestionamos a permisividade de prácticas que puideran parecer moi colaborativas, pero que realmente representan o atraso formal dun sistema que non dá avanzado ao paso da modernidade, tamén da modernidade fiscal e do respecto á privacidade das familias galegas.

Supoñemos que estamos de acordo, e que a consellaría rexeita tamén este tipo de prácticas, así que agradeceriamos unha resposta clara a este escrito, e tamén que se remita aos centros educativos a información necesaria para que estas situacións non se repitan; e para que a relación entre as familias e a escola teña sempre presentes o respecto á privacidade e á diversidade que é obrigada para a administración educativa e para quen a representa.

Compostela, 31 de maio de 2021

Fernando Lacaci Batres, presidente,.

Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta

E esta é a resposta da Dirección Xeral de Educación:

Recibido escrito na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional con número de entrada 2021/1297959 de data 31/05/2021 no que se denuncia “a compra colectiva de material educativo por parte dalgúns-has docentes” e que solicitan “unha resposta clara ao escrito, e tamén que se remita aos centros educativos a información necesaria para que estas situacións non se repitan.”, se lle informa que, Segundo se establece na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 74 “Os empregados públicos incluídos no ámbito de aplicación desta lei someteranse a un código de conduta configurado polos seguintes deberes:

e) Absterse naqueles asuntos en que teñan un interese persoal, así como de toda actividade privada ou interese que poida supoñer un risco de xerar conflitos de intereses co seu posto público, e, en particular, non contraer obrigas económicas nin intervir en operacións financeiras, obrigas patrimoniais ou negocios xurídicos con persoas ou entidades cando poida supoñer un conflito de intereses coas obrigas do seu posto público.

m) Administrar os recursos e bens públicos con austeridade e non os utilizar en proveito propio ou de persoas achegadas, así como velar pola súa conservación.”

A xestión económica dos centros se regula no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios. Como se pode observar, na normativa vixente está totalmente regulada a xestión de fondos públicos nos centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como os deberes dos funcionarios docentes.

En consecuencia, de observarse algunha práctica non axustada a dereito que sexa denunciada e fundamentada, adoptaranse as medidas que procedan.

En Santiago de Compostela,

Iván Mira Fernández
Subdirector Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo

DESCARGA AQUÍ O COMUNICADO DE ANPAS GALEGAS npasgalegas.gal/wp-content/uploads/2021/06/048-COMPRA-DE-MATERIAL-POR-PARTE-DAS-DOCENTES_signed-1.pdf

DESCARGA AQUI A RESPOSTA DA DX: 048-RESPOSTA-COMPRA-DE-MATERIAL-POR-PARTE-DAS-DOCENTES_signed-2.pdf

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: