Compra de libros en E-DIXGAL

Demandamos unha resposta clara a confusión creada coa implantación de E-DIXGAL: temos que mercar libros de texto ou non?

A/A do Secretario Xeral de Educación e Formación Profesional
Consellaría de cultura, educación e universidades

Dende ANPAS GALEGAS sempre apostamos por un Ensino Público moderno e actualizado coas tecnoloxías que sitúe ao noso alumnado no mundo no que viven, e que facilite a súa aprendizaxe do mundo no que deberán participar logo da escola. Por iso, aínda que non creamos que E-dixgal sexa a mellor das ferramentas, sempre centramos as nosas críticas na súa insuficiente implantación, no custo que lle pode supor ás familias a reparación do hardware de préstamos, ou a contratación do seguro obrigatorio, e, sobre todo, a incorrecta formación do profesorado á hora de utilizar un modelo que debera implicar “un uso crítico, creativo e seguro das tecnoloxías da información e da comunicación”, segundo as palabras iniciais da Resolución do 2 de marzo de 2022 que convoca a selección de centros para participar en E-Dixgal 2021-2022.

Desgraciadamente non é isto o que está a ocorrer, e observamos como en moitas ocasións E-dixgal é unha dixitalización dun ensino analóxico convencional, ou arcaico, utilizada por profesorado non formado -non entramos a xulgar as razóns desa falta de formación porque non nos compete, pero quizais un maior control do que ocorre nas aulas sería desexábel- , ou simplemente non mentalizado do que ten que utilizar.

Nesta liña, e esta é a razón básica deste escrito, estamos detectando como hai centros de primaria incorporados ao programa E-dixgal que continúan utilizando, e demandando a súa compra por parte das familias, libros de texto convencionais; ocasionando un prexuízo duplo ás familias, por unha parte porque están privándolle aos seus fillos e fillas do avance que podería supor o uso correcto das plataformas dixitais; e por outra porque eses libros non poden ser adquiridos con ningún tipo de axuda pública, para os casos que o precisen, porque son de adquisición “irregular”.

Demandamos desa Dirección Xeral unha resposta clara sobre esta actuación, que poidamos difundir entre as ANPAS galegas, para que entre todas colaboremos a erradicar unha práctica que de seguro non está dentro da intención da consellaría, como claramente non está dentro da legalidade que abeira todo o programa E-dixgal.

Compostela,
Un saúdo
Fernando Lacaci Batres, presidente
Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: