Demanda de instrucións para volver á normalidade

Se imos acadando a normalidade na vida diaria, sería interesante acadala tamén no ensino público.

Prezado Conselleiro de cultura, educación e universidades:

A menos dunha semana do remate das clases , dende a Confederación ANPAS GALEGAS seguimos agardando pacientemente por unhas instrucións para o inicio do vindeiro curso que aporten algo de seguridade e tranquilidade ás familias a hora de se organizaren.

Cando xa se fala, nas continuas noticias que publica o goberno da Xunta de Galiza, de ir acadando a “normalidade” e da tendencia positiva que está a seguir esta pandemia, de permitir xuntanzas de máis persoas, da eliminación da meirande parte das restricións, a única mención ao funcionamento “normal” dos centros de ensino no que se refire á participación das familias no ámbito escolar coma parte da comunidade educativa que somos, é a publicación por parte do Ministerio , nin sequera da súa Consellería, das “MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIXIENE E PROMOCIÓN DA SAÚDE FRENTE Á COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS NO CURSO 2021-2022” aprobado na Comisión de Saúde Pública do 18.05.2021 no que no punto 8 establece: ” Priorizarase a comunicación coas familias mediante teléfono, correo electrónico, mensaxes o correo ordinario e facilitaranse as xestións telemáticas. As familias poderán entrar no edificio escolar no caso de que o profesorado ou o equipo directivo así o considere, cumprindo sempre as medidas de prevención e hixiene e, en ningún caso, se presentan calquera síntoma compatible coa COVID-19”.

Publicación que por outra banda non aporta nada novo nin normal á situación actual. A pregunta é: Se acadamos a normalidade na vida diaria, por que non nos centros de ensino? E non estamos a falar de se hai que levar máscaras ou manter a distancia recomendada de 1,5 m entre o alumnado, estamos a falar de normal funcionamento dos órganos de goberno dos centros escolares nos que participan os representantes das familias, da adecuada atención das titorías, das actividades extraescolares que as ANPAS teñen dereito a realizar nas instalación escolares. En definitiva, de abrir os centros de novo ás familias.

Polo tanto solicitamos:

Termos unha reunión, tal e como solicitamos por correo electrónico o pasado 31 de maio, antes de que remate o curso presente, ou canda menos antes de que se publiquen instrucións das que logo teñamos que desacordar. É moito mellor falar antes que pretender impoñer despois.

E xa logo, publicar canto antes as instrucións que reflictan efectivamente esa normalidade da que tanto se gaba este goberno, para que así as familias poidamos recuperar a presenza nos centros educativos para o seu correcto funcionamento.

Compostela, na data da sinatura dixital deste escrito.
Un saúdo
Fernando Lacaci Batres, presidente
Isabel Calvete Carrera, vicepresidenta

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: