Remata o curso da pandemia!

APLAUDINDO AO ALUMNADO GALEGO

Imaxinádeme posto en pé e aplaudindo, posto en pe para demostrar o meu respecto, o meu afecto e o meu cariño a todo o alumnado galego que está rematando este curso horríbel; aplaudindo a súa valentía, a súa coraxe, a súa madurez e a súa absoluta formalidade, aplaudindo esa forza que os levou todos os días aos centros escolares, agora cando todas dicimos que son lugares seguros, mais tamén ao principio cando todas temiamos que fosen un foco interminábel de contaxios e enfermidades.

Aplaudo, aplaudimos todas as nais e pais, a unha xuventude que aturou unha listaxe interminábel de obrigas formais, de restricións afectivas, de limitacións de comunicación, que levou máscaras durante horas e horas, que non se xuntou cos seus iguais, que limpou mil veces as súas mans e centos de veces as súas mesas; aplaudimos ao alumnado que mirou os encerados dende a distancia interminábel de aulas enormes, que soportou a friaxe dunha clase ventilada constantemente, que fixo colas para entradas e saídas…

Haberá quen diga que tamén o fixo o profesorado, e que tamén o curso foi difícil para elas, e non o dubidamos. Pero o profesorado, ao igual que todas as adultas que estivemos traballando, temos ao noso favor unha madurez e un coñecemento dos porqués, e sobre todo dos para que, que non cabería agardar de toda a rapazada que poboa as aulas do Ensino Público Galego, ou canto menos non do xeito no que se deu, con ese rigor e firmeza.

Ao noso alumnado ninguén lle preguntou nada, ninguén mantivo xuntanzas con elas para que opinaran se esas medidas eran asumíbeis ou complexas; tratámolos coma se fosen suxeitos pasivos do coidado, e puxemos neles o foco da responsabilidade con todas aquelas mensaxes dantescas de que polos seus erros podería vir o mal á familia, lembrades?. E responderon ben, mellor ca ben !!, son os/as heroes do noso mundo educativo, e sono todas, dende as crianzas de 3 anos até as que rematan o bacharelato. Ben por elas !!

Este curso que remata é un curso para esquecer, saíu ben dende o punto de vista sanitario, saberemos dentro dun tempo cales foron os resultados académicos, pero foi un curso tristeiro e gris, un curso no que a educación para a vida quedou moi por detrás da formación formal,  e no que as relacións entre as iguais, que non debemos esquecer que é unha das mellores motivacións da aprendizaxe, estivo limitada até extremos impensábeis.

Foi tamén o curso da incomunicación, o curso onde as familias non puidemos entrar nos centros, onde se fixeron cousa incríbeis, como as titorías por teléfono -que despropósito, por favor-, onde todo ficou estancado, agardando tempos mellores que semellaba nalgún momento que non habían chegar nunca.

Temos que dar por bo todo o que pasou, lamentar e chorar a aquelas que xa non están connosco, e alegrarnos de poder continuar mirando para un futuro que non debe repetir os erros cometidos, e aceptalos como inevitábeis, pero sabendo que o feito de que houbera que facelo non os valida nin os converte en acertos. Nin moito menos en fórmulas de conduta que poidan continuar.

Vaia co demo pois este curso 2020-2021, poñamos a mirada nun curso novo e agardemos que sexa diferente e que veña sen pandemia e sen restricións. Pero veña como veña, con virus ou sen el, abramos os centros de ensino como abrimos as rúas e os bares, relacionémonos, falemos e compartamos, discutamos e acordemos, pero fagámolo xuntas. O excelente exemplo da nosa xuventude debe dar como resultado máis comunicación e máis participación, máis entusiasmo e máis convivencia.

Non hai ensino público de calidade se non estamos todas incluídas nel, o alumnado, as familias, o persoal docente e non docente, todas, e témolo que facer polo futuro destas bravas mozas e mozos que tanto nos aprenderon este ano.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: