Escrito que lle enviamos ao presidente da CIUG, aos tres reitores e ao Secretario Xeral de Universidades

Prezado Reitor,

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS tentamos sempre manter un fondo silencio no que atinxe ás reivindicacións do alumnado universitario, porque entendemos que as nosas fillas e fillos teñen xa idade para ser protagonistas das súas propias demandas, e tamén que existen organizacións estudantís que deberan canalizalas axeitadamente.

Porén, non podemos deixar de expresarlle o noso desconcerto pola decisión tomada pola CIUG, ao non ofrecer ao alumnado que non puido presentarse á convocatoria extraordinaria das ABAU 2021 –por ter dado positivo en COVID-19, ou por ter que gardar corentena obrigada- ningunha outra saída máis que a de ter que se presentar na convocatoria ordinaria de xuño de 2022; perdendo así, academicamente falando, un ano das súas vidas, e vendo considerabelmente diminuídas as súas posibilidades ao retrasar practicamente un ano a realización dun exame que levan un curso enteiro preparando.

É indiscutíbel que a organización burocrática da normalidade académica neste curso que rematou foi absolutamente excepcional, que trouxo de seu adaptacións impensábeis noutro contexto, e que precisou da comprensión xeneralizada de toda a comunidade universitaria para superar as dificultades que se foron presentando no día a día. Precisamente por iso é menos comprensíbel que se tomara unha decisión cun colectivo que non por ser pequeno ten porque ter un dereito diminuído con respecto ás súas compañeiras de promoción.

Entendemos a dificultade que entraña facilitar os dereitos do alumnado nesta circunstancia, entendemos a complexidade e a problemática, pero non podemos ficar caladas diante do que definimos como un tratamento discriminatorio para un colectivo que non é responsábel da súa situación.

A universidade debe traballar para a defensa do alumnado, e para a salvagarda dos seus dereitos, non para facilitar a súa comodidade administrativa, cal semella ser o caso.

Solicitámoslle que participe na solución deste problema, creado por un sistema incapaz de adaptarse á realidade que vivimos e que debera ser consciente da súa a obriga de resolvelo de xeito satisfactorio para todas as partes.

Transmitimos este mesmo comunicado aos tres reitores das universidades galegas, así como á presidencia da CIUG e aos medios de comunicación, logo de tamén llelo ter comunicado persoalmente á consellaría de educación a través do seu Secretario Xeral Técnico.

Asdo.: Fernando Lacaci Batres

Presidente da Confederación ANPAS GALEGAS

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: