Consellaría de Educación = Desmantelamento ensino público

Novamente, non fóra ser que algo cambiara, temos que posicionarnos na defensa do Ensino Público Galego, e temos que facelo –coma en tempos que xa deberan ter pasado- denunciando que non hai maior inimigo que a propia Consellaría de educación da Xunta de Galicia, que retirou de vez a pel de año que a cubriu escasamente durante o pasado curso e deixou á vista que son e para que están: só queren desmantelar o ensino público galego e afondar na súa destrución permanente.

Vimos de rematar un curso no que as necesidades sanitarias forzaron á contratación de máis profesorado do que se fixera nos últimos anos  (pero coidado, non contrataron máis profesorado do que se necesitaba, nin tan sequera foi a cifra ideal logo de anos e máis anos de recortes sistemáticos), e aínda así fomos as familias galegas quen tivemos que pelexar para que todas as aulas foran presenciais –agora a consellaría gábase diso, pero no principio non querían facelo- , e foi o ministerio quen tivo que marcar as distancias que deron o resultado sanitario que coñecemos – ou ninguén lembra aquela distancia dun metro entre o centro das cadeiras co que hai un ano a consellaría de educación quería convencernos de que era distancia abonda, ata que alguén a forzou ao metro e medio que se utilizou finalmente ? .

E saíu ben. Os problemas sanitarios foron, pero non foron demasiados nin en maior proporción que na cidadanía non escolarizada, e as aulas desdobradas deron os resultados positivos que se agardaban; nunca tan produtivo foi dar clases malia as dificultades evidentes, iso foi o dito por moitos docentes que viron como as aulas de trinta se transformaban en aulas de 16, 18, 20 alumnas e alumnos, o que permitiu outra maneira de dar aulas mesmo en plena pandemia.

Pero a consellaría non para no seu propósito destrutor; agora vemos que curso pasado foi un espellismo provocado contra a vontade das nosas autoridades educativas, vemos como pecharon colexios con nenos sobrados como para mantelos, como pretenderon reducir profesorado en primaria creando agrupamentos inasumíbeis, e estes días estamos vendo como os cadros de profesorado de secundaria e bacharelato retroceden á situación pre-pandemia, e mesmo en moitos casos empeoran esa situación, producíndose recortes que impiden o normal funcionamento dos centros educativos.

Isto faise con aleivosía e nocturnidade lectiva, en época de vacacións escolares, para impedir debates, protestas e recursos. Faise ás agachadas, como todo o que leva facendo esta consellaría de despropósitos dende hai moitos anos. Por suposto faise sen informar nin contar coas familias galegas, que somos a sociedade galega nin máis nin menos; porque esta consellaría pensa que ten o dereito a facer o que lle pete e se lle ocorra en cada momento. Non ten máis razón de ser que o aforro económico, non hai detrás ningún plan que artelle o Ensino deste País, que conteña unha definición de a onde queremos chegar e cales son os pasos que dámos para conseguilo.

Eliminar dotación de profesorado nun centro escolar é rebaixar e dificultar o nivel do seu alumnado, é impedir que teñan as mesmas posibilidades que outros que non sofren os recortes; é desatender á diversidade, que é algo moi real porque supón a diferenza entre poder continuar estudando ou fracasar para moito alumnado galego; é tamén impedir que a escola serva para algo máis que para reproducir datos, porque se o profesorado non dispón de tempo abondo non pode facer máis nada.

Recortar profesorado é recortarlle opcións á xuventude, é empeorar o País, é destruír Galicia, é nos privar de oportunidades a nós propias.

Temos unha nova consellaría dende aínda non hai un ano, pero non se fixeron todos os cambios que a sociedade, e nós, demandamos. Iría sendo tempo.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: