CONVOCATORIAS EXTRAS NA ESO

EXAMES EXTRAORDINARIOS NA ESO

Vaia por diante que estamos falando sobre noticias de prensa, neste mundo de desinformación constante ao que nos quere acostumar a consellaría de educación -nós non acreditamos con esa fórmula de traballo- temos que nos informar polos medios do que opina o conselleiro, o que di a ministra, ou mesmo cal vai ser a realidade na que van vivir as nosas fillas e fillos na ESO este curso.

Este curso que colle xeito de ir ser un auténtico caos, porque agora semella que non vai haber exames extraordinarios na ESO porque o Ministerio de Educación así o decide; cousa que lamentamos polo que ten de irreflexivo co curso xa comezado. Pero o que o Ministerio non decidiu, que foi cousa da consellaría exclusivamente, e coa opinión encontrada das representantes das familias galegas, foi facer un cambio de calendario escolar este curso, e modificar as condicións existentes xusto no momento no que se está a desenvolver unha nova lei educativa.

Dixémosllelo moi clariño tanto ao conselleiro de educación como ao secretario xeral, nin era o momento nin era a maneira de facer un cambio dese calado. Non so tiñamos unha norma pendente de implantarse, é que non houbera o debate necesario para saber que calendario necesitamos en Galicia, máis é, estabamos en plena pandemia e había cousas moito máis importantes que resolver que suprimir setembro naquel momento.

E agora ?, agora temos un curso que remata un mes antes, porque ía haber exames extraordinarios en xuño; e que ten as avaliacións e a organización de currículos pensada -porque a pensaron os centros á súa maneira, que a consellaría tampouco axudou nada-  para ese mes menos, pero imos ter un mes máis se a información remata sendo certa. Temos, novamente, á administración educativa galega xogando co alumnado galego da ESO, coas familias, co profesorado, e con toda a comunidade educativa. Iso si, aínda lle botarán a culpa ao goberno de Madrid, que ten a súa e ninguén lla quita, pero do que pasa aquí en Galicia, do caos no que xa vivimos e que se incrementa con esta decisión extemporánea, diso é responsábel a consellaría, ninguén máis.

Pero hai algo máis, que non haxa exames implica que, de acordo cos proxectos que fomos coñecendo, “cando o progreso dun alumno ou dunha alumna non sexa o axeitado, estableceranse medidas de reforzo educativo”.

Onde están esas medidas?. Porque este proxecto non é de hai quince días, xa estaba aquí antes de comezar o curso, cal é o traballo que está facendo a Xunta de Galicia para reforzar ao noso alumnado?, pois xa se viu claramente este inicio e curso: recortar prazas de profesorado, agrupar unidades, pechar colexios, incrementar rateos nas aulas, reducir equipos de orientación, prescindir de profesionais que atendan á diversidade. Esa é a receita da Xunta para mellorar o Ensino Público Galego, iso e incrementar as subvencións ás empresas do sector educativo, ese agasallo do diñeiro de todas a uns poucos, que dan en chamar “concertos”.

E logo temos ao conselleiro falando da “cultura do esforzo”, que nin sabe o que está a dicir, porque esforzo é o que se pode pedir a alguén a quen se lle deron previamente todos os medios, non a quen se lle quitan, nin a quen se dificulta o seu día o día porque non fai máis que atopar atrancos situados á mantenta por quen debera facilitarlle o camiño.

Entón, á parte de queixarse e dicir que a culpa é de Madrid, que é o que ven facendo a consellaría dende marzo de 2020, que vai facer agora para amañar o despropósito no que se ven as nosas fillas e fillos?, onde están as convocatorias ás axentes sociais, onde está o diálogo e a información? Onde está o esforzo para mellorar o que está na nosa man? porque aquí xa tanto nos ten quen é a responsábel; o que importa é saber quen lle vai pór remedio ao problema, porque está aí a mocidade que vai sufrir de feito a inutilidade dos seus gobernantes, uns e outros; e non o merece, máis ben debémoslle todo o contrario, traballar por ela dunha vez e non estar seguido amolándoa.

Ah!, e se falamos de esforzo, esforzo é o que facemos as familias para soportar dende  hai máis dunha década a esta consellaría de educación e os seus constantes despropósitos. Iso si que é cultura do esforzo, de todo o esforzo que temos que facer para resolver pola nosa conta o que a Xunta nos quita e entorpece.

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: