Cambio de presidencia da Federación de ANPAS Compostela

O pasado luns 22 de novembro tivo lugar a Asemblea Xeral da FANPA COMPOSTELA. Nela debateuse o programa para este curso escolar 2021-2022 dentro da liña de continuidade de accións en defensa do Ensino Público que sempre promove esta Federación.

Pero a nova máis salientábel é que a Asemblea aprobou o nomeamento dunha nova presidencia da FANPA, rematando así o mandato de Fernando Lacaci, que exerceu este cargo dende maio do ano 2011.

A nova presidencia recae na persoa de Esther Martínez, até o de agora vicepresidenta da Federación que leva dende 2014 colaborando na directiva da mesma; unha aposta pola continuidade e pola transición tranquila entre dirixentes, como cómpre a unha asociación da importancia e presenza da Federación Compostela.

Actualmente a FANPA conta con 55 ANPAS asociadas, e está presente en 22 concellos da área compostelá. Queda lonxe aquela Federación local que se iniciou coas ANPAS de seis colexios da cidade no ano 2008, e precisamente é o seu crecemento o que demostra cumpridamente que o movemento asociativo das nais e pais do Ensino Público é absolutamente necesario, e marcadamente útil para participar no seo das comunidades educativas dos centros escolares.

A FANPA COMPOSTELA é xa un referente consolidado na vida educativa da cidade e da contorna compostelá, e este cambio na presidencia significa tan só que é unha asociación cunha vida normalizada e activa, que agora cambia de voceira, pero que permanece defendendo os mesmos ideais e dereitos para as nosas crianzas e para as súas familias.

Deste xeito, a partir de agora a comunicación exterior da asociación farase a través de Esther, no teléfono 685 182 023.

Un saúdo

Esther Martiñez Piñeiro

Presidenta da FANPA COMPOSTELA

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: